O polifacético Breogán Xague vén de publicar Xague 1, a súa estrea discográfica e a primeira parte dunha triloxía que promete adentrarse na experimentación máis extrema. Sampleos que beben do imaxinario popular e rimas que derruban tópicos nun traballo que, coma a propia triloxía, fala da emigración, do que volve á súa terra sabendo que vai volver marchar.
O pintor e escultor Breogán Xague (Vigo, 1999) sorpréndenos cun album de debut que non é sinxelo de etiquetar pola súa querencia pola experimentación máis brava. Pode ser que se fechásemos nun local de ensaio a Aphex Twin, a DJ Shadow, ao Hevi e, coma non, a Emilio José saise unha proposta semellante a este XAGUE1, o primeiro disco dunha triloxía sobre emigrar no que “a voz que fala volve á súa terra sabendo que vai volver marchar”.
Oito pezas de abstract hip-hop -coas súas oito videocreacións- que funcionan coma un todo indivisible, artelladas coma un grande collage de retrincos sonoros no que os sampleos conforman a paisaxe experimental que dá soporte a unhas rimas que percuran a deconstrución do tópico do galego emigrado, saudoso e morriñento, e como se ten empregado para desactivar un discurso máis político dos motivos estruturais históricos da emigración galega.
O disco de debut de BREOGAN XAGUE nova referencia no catálogo de A REGUEIFA PLATAFORMA 2.0 trás os novos discos de GRAMPODER (PM, LP 2022) e HOLGADO (O fillo de Suso, LP 2022), xa dispoñible en todas as plataformas dixitais